Publisher's Synopsis
Estes poemas reproducen unha serie de sensacións, namoros e desilusións, producidas no corazón dun adolescente. Son sentimentos que saen directamente do corazón. Moitos deles foron escritos en quente - vox populi-, de aí a súa violencia e os ataques furibundos en moitas ocasións. Outros teñen a dozura dos momentos de felicidade, a época feliz do poeta camiña polos seus versos coa tranquilidade da auga que corre por un regato.
O feito de ser expresión das inquedanzas do poeta mozo libéraos da rixidez dos metros e en ocasións éncheos dun vocabulario sinxelo. Pero que lle imos facer, o fluír dos sentimentos ten os seus caprichos, e neste caso non ía ser o noso poeta unha excepción.
Os versos que serven de título a este poemario, forma un conxunto con outros que poderiamos chamar de homenaxe. Un gran número deles son unha pequena homenaxe á nosa terra, á nosa cultura e ós nosos homes. Pretende con eles reproducir os sentimentos que espertan nel, mozo que comeza abrirse camiño na vida, esas personalidades admiradas, a cultura maltratada e a súa terra da que se sente defensor.
O noso poeta é a un tempo poeta social e poeta humano, dúas persoas que camiñan da man dunha lingua, a súa lingua. O poeta social ergue a voz en defensa da súa cultura e da súa terra, quere espertar a conciencia dos seus irmáns e tamén quere reivindicar as figuras que el admira. Pero é tamén home, un adolescente que, como todo rapaz nesta etapa da súa vida, se atopa cunha serie de conflitos a nivel de sentimentos. Hoxe está namorado e o seu corazón entoa cantos tenros e fermosos; pero tamén vive momentos de rexeitamento e de soidade. Cando se produce este feito o corazón deixa saír toda a súa carraxe e a tristura que o enche.
Non está na nosa man xulgar se é mellor como poeta social ou como poeta intimista. A decisión é túa, lector, ti eres o que tes que xulgalo, nas túas mans quedan os seus sentimentos e as súas inquedanzas. Ti debes ser o seu xuíz.